V Xornadas Científicas da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria

Vigo, cidade que nace do mar, industrial e mariñeira onde as súas xentes únense para tirar xuntos dunha mesma rede; foi elixida para acoller os próximos 14 e 15 de outubro as V Xornadas Científicas da AGEFEC (Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria), que teñen por lema “Rede de coidados. Traballando en equipo”, e na que se abordará como temática principal a continuidade de coidados entre os diversos ámbitos asistenciais, centrándose no papel fundamental que teñen os/as Enfermeiros/as de Familia de Comunitaria neste aspecto.

 

As V Xornadas Científicas da AGEFEC celébranse no novo hospital de Vigo, Hospital Álvaro Cunqueiro.

 

Non é casual que o monumento ao traballo desta cidade represente a unión do esforzo común en pos dun mesmo fin, sendo este mesmo espírito o que pretendemos imprimir nestas xornadas, que deben servirnos para reforzar a nosa unión, escoitar e aprender do que temos á beira , aproveitando as sinerxías do grupo, porque só así, traballando en equipo é como conseguiremos romper as barreiras que dificultan a nosa labor no coidado dos pacientes.

 

Tanto o comité científico como o comité organizador, puxemos especial empeño en ofrecer un programa de actividades baseado na mellora da nosa intercomunicación, coñecementos e, sobre todo, na nosa motivación para seguir facendo ben as cousas.

 

Esperamos que vos animedes a pasar uns días en boa compañía. Vémonos en Vigo.

 

Mª Lorena Comesaña Diego

Presidenta do Comité Organizador

Solicitamos o seu permiso para obter datos estatísticos da sua navegación nesta web, en cumplimiento do Real Decreto-lei 13/2012. Se continúa navegando consideramos que acepta o uso de cookies. OK | Más información